O alcalde de Barbadás (Ourense), Xosé Carlos Valcárcel, presentou esta mañá unha denuncia na Comandancia da Garda Civil de Ourense tras a aparición de varios papeis que poderían constituír un delito de ameazas.
Os documentos, atopados inicialmente o sábado nos parabrisas de varios vehículos na Valenzá, mostraban unha caricatura do rexedor con texto intimidatorio: «ALCALDE ARREGLA EL CONCELLO 1º AVISO». Ademais, outros catro papeis idénticos apareceron esta mañá na gardería municipal, aparentemente introducidos o venres por unha ventá aberta.
Valcárcel asegura non desconfiar de ninguén en particular, mentres a Garda Civil iniciou unha investigación para identificar o autor ou autores do suceso.