A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa distinguen a sete investigadoras mozas que realizan o seu labor na nosa comunidade

Científicas
Científicas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron esta tarde o acto de entrega dos “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”, que tivo lugar no Centro Obra Social ABANCA, en Santiago, e se retransmitiu en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada foi Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; en Ciencias Técnicas distinguiuse a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento correspondeu a Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.

No evento participaron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director da ACSUG, Eduardo López; e representantes doutras entidades políticas, culturais e académicas galegas.

O presidente da Academia manifestou o seu optimismo en canto á evolución da investigación en Galicia, xunto á forza da ciencia en feminino

Na súa intervención, Juan Lema declarou que “con estes premios tratamos de visualizar e impulsar a carreira das investigadoras e investigadores con maior proxección e que liderarán a investigación nos vindeiros anos en Galicia”. Nesta liña, salientou que “os currículos das máis das 60 candidaturas presentadas son realmente brillantes e permiten ser moi optimistas en canto á evolución da investigación na nosa comunidade. Ademais, o resultado desta primeira convocatoria é unha proba evidente da forza da ciencia en feminino”.

Pola súa parte, Miguel Ángel Escotet declarou que “estes premios constrúense coa intención de recoñecer e fomentar o traballo das persoas investigadoras máis novas, promovendo o coñecemento científico”. Dirixiuse así ás premiadas: “Queremos darvos ás para a viaxe da vida e estimular a vosa postura de acción transformadora, que é inherente á propia investigación e implica un fondo talante de actitude de cambio e de mellora. No voso traballo hai unha boa dose de ética, de xenerosidade, de achega ao ben de todos, de ilusión, de resiliencia e de cooperación. Douvos por todo iso os meus máis sinceros parabéns e desexo que non cedades no voso empeño de continuar investigando e soñando”. En relación á necesidade de visibilizar as mulleres investigadoras, fixo énfase no feito de que nesta edición concorreron 63 candidaturas, das cales 24 foron investigadores e 39 investigadoras, e o xurado resolveu recoñecer o traballo de sete mulleres. “Parece que algo comeza a xirar nesta segunda década do século XXI”-remarcou-.

Beatriz Pelaz procura nanomedicinas máis eficientes

No campo das Ciencias Básicas recoñeceuse a Beatriz Pelaz (Valladolid, 1982), profesora da Universidade de Santiago e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). O seu traballo céntrase no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para a súa aplicación en modelos biolóxicos, co obxectivo de crear unha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes. “Este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria investigadora, así como ao traballo que realizamos no grupo Bionanotools do CiQUS. Serve ademais para dar visibilidade á importancia da investigación e pon en valor a ciencia realizada polos mozos científicos, aquí, en Galicia” -salientou-.

Pola súa parte, Susana Ladra (Santiago, 1984), profesora da facultade de informática da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación “Laboratorio de Bases de Datos”, recibiu un accésit. Enfoca o seu traballo ao deseño de algoritmos e estruturas de datos aplicados á recuperación de información e en aplicacións multidisciplinares no campo da bioinformática. “É unha honra recibir este premio en nome de todos os mozos que traballamos pola ciencia en Galicia. É un incentivo para seguir investigando para resolver problemas relevantes, multidisciplinares e complexos” -declarou a investigadora-.

Outro dos accésit nesta área foi para Iria Gómez (Santiago, 1982), directora do grupo de investigación “Xenomas e Inmunidade” no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC -CiMUS-. Entre os seus traballos, destacan os relacionados coa diabetes tipo 1, en particular un proxecto financiado cun millón de dólares pola Fundación americana para o estudo da diabetes xuvenil. “Como investigadora galega que tivo a posibilidade de retornar a Galicia e establecer o meu grupo en Santiago, este premio axudarame a reforzar o meu perfil e o do meu grupo en convocatorias de proxectos, así como a aumentar a nosa rede de contactos” -remarcou-.
Belén Riveiro usa a IA para evitar o colapso das estruturas de enxeñaría civil

En Ciencias Técnicas distinguiuse a Belén Riveiro (Cotobade, 1983), profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo e investigadora do CINTECX -Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais-. Lidera novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil como pontes, estradas e vías férreas. As súas tecnoloxías permiten diagnosticar a saúde destas estruturas e poder así anticipar a aparición de posibles colapsos. “É moi importante que se visibilice o talento e a excelencia dos investigadores durante a etapa na que, quizais, se realizan os maiores esforzos por chegar a consolidar unha carreira. Como muller que trata de compatibilizar a investigación coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia” -manifestou-.

Concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González (Mondoñedo, 1982), profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS-. As súas liñas de investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais; o que lle ten permitido expoñer estratexias de circularidade e deseñar biorrefinerías nestes sectores. “Este recoñecemento é un impulso para seguir traballando por unha ciencia de excelencia e para o desenvolvemento sustentable, xa que esta é a base para fortalecer a sociedade do futuro. Ademais, recoñécese a área de Ciencias Técnicas, con escaseza de referentes femininos” -destacou-.

Cristina Gómez avalía o comportamento das persoas en contextos de crise

En Ciencias Sociais premiouse a Cristina Gómez (Vilalba, 1985), profesora de Psicoloxía da USC. Desenvolve o seu labor no campo da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. Investiga ademais sobre problemas ambientais no CRETUS. “Este logro non é só meu; é o reflexo do apoio de moitas persoas e das oportunidades que recibín ao longo do camiño. Supón un impulso para seguir contribuíndo ao coñecemento e á investigación en Galicia” -declarou-.

O accésit foi para Ariadna Monje (A Coruña, 1990), profesora da Universidade da Coruña. Lidera diferentes grupos de traballo relacionados co emprendemento -en colaboración cos proxectos GEM en España- e co turismo, realizando tanto investigacións científicas como asesoría para distintas administracións. “Este premio é un estímulo para avanzar en áreas clave como a organización de empresas e o ecosistema emprendedor, ao tempo que reforza a relevancia da transferencia do coñecemento científico cara á sociedade e o tecido empresarial, fomentando o progreso e a innovación” -salientou-.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad