
O BALONMÁN LÍNEA TRANSGALO EN CATEGORÍA MASCULINA E O TECNOSAT BALONMÁN CANGAS NA FEMININA, ACADARON A ANSIADA PRAZA NO SECTOR NACIONAL.
SÁBADO
SEMIFINAL MASCULINA 1: BM Línea21 Transgalo -Teucro Uniwash
A primeira semifinal da Final 4 Infantil Masculina enfrontou ao SD Teucro Uniwash e ao BM Línea21 Transgalo nun partido que comezou con certa igualdade pero que axiña se inclinou do lado do equipo coruñés.
A partir do minuto 13, o Línea21 logrou poñerse por diante no marcador e non soltou a vantaxe en ningún momento. A súa superioridade fíxose notar en todas as facetas do xogo: roubos constantes en defensa, dominio nos rexeites ofensivos e unha portería moi segura foron as claves para os da cidade herculina.
Os de Línea21 ampliaron a súa vantaxe ata os 9 goles no minuto 41, deixando sen opcións ao conxunto pontevedrés. O resultado final, 26-34, certificou o pase á final dun equipo que demostrou moita solvencia e confianza no seu xogo.
SEMIFINAL MASCULINA 2: GARAYSA XIRIA – BM. CULLEREDO ÓPTICA GALLAECIA
O derbi coruñés entre o Garaysa Xiria A e o BM Culleredo Óptica Gallaecia abriu cun ritmo frenético e unha choiva de goles dende os primeiros minutos. O Culleredo, pese a medirse ao equipo mellor clasificado desta Final 4, saíu moi metido no partido, chegando a reducir distancias incluso cando o Xiria se puxo ata 5 goles por diante.
O descanso chegou cun claro 22-14 no marcador, pero o BM Culleredo Óptica Gallaecia non lle perdeu a cara ao encontro en ningún momento. A pesar do esforzo dos cullerdenses, da intensidade e da fidelidade ao seu estilo de xogo, os carballeses impediron que a vantaxe non baixase en ningún intre por debaixo dos cinco tantos.
Tal e como se facía presaxiar, foi un encontro con moitos goles, no que o Garaysa Xiria Xiria confirmou o seu papel de favorito e selou o pase á final cun contundente 42-30.
SEMIFINAL FEMININA 1: Tecnosat Bm Cangas – Guardés
O conxunto do Morrazo entrou moi metido no partido dende o primeiro minuto, mostrando unha versión sólida e moi concentrada. Pola contra, os nervios pasáronlle factura ao Mecalia Atlético Guardés, que non conseguía atopar o seu ritmo habitual de xogo. Esa desconexión levounas ao descanso cun marcador moi adverso: 13 – 6 favorable ás de Cangas.
Na segunda metade, o Tecnosat Bm Cangas mantivo a súa superioridade tanto en defensa como en ataque, mentres que o Guardés, coa intención de recortar diferenzas, caeu en imprecisións e accións precipitadas que foron aproveitadas polas de Cangas para ampliar a vantaxe.
O resultado final (28 – 16) reflicte o dominio das de Cangas, que acadaron así o seu pasaporte para a gran final do domingo.
SEMIFINAL FEMININA 2: UPI INFORMÁTICA LALÍN – CLUB CISNE OMMA ARQUITECTURA
A emoción do equipo anfitrión fixo acto de presenza desde o primeiro instante nesta segunda semifinal feminina. O UPI Informática Lalín comezou con forza diante dun Club Cisne Omma Arquitectura, que foi medrando co paso dos minutos. A pesar do bo comezo local, o conxunto pontevedrés logrou achegarse perigosamente no marcador, situándose a tan só un gol (10-9).
As xogadoras do UPI Informática Lalín acusaron o nerviosismo inicial, tanto na defensa como no ataque, e a presión de xogar na casa nun evento desta magnitude xeroulles certos momentos de imprecisión. Pola súa parte, o Club Cisne Omma Arquitectura, a pesar dun inicio dubitativo, foi gañando confianza e ritmo co paso do tempo.
A portería local e o empuxe da grada foron claves para manter a vantaxe, sumado ao desgaste físico que arrastraba o Cisne, un equipo de nova creación cun plantel reducido. Finalmente, o UPI Informática Lalín logrou impoñer o seu ritmo e certificar o seu pase á final cun resultado de 27-20.
DOMINGO
3º e 4º posto Infantil Masculino: BM Culleredo Óptica Gallaecia – S.D. Teucro Uniwash
Un auténtico partidazo foi o que nos deixaron o SD Teucro Uniwash e o BM Culleredo Óptica Gallaecia na loita polo terceiro posto da Final 4 infantil masculina. O encontro foi moi igualado dende o inicio, con constantes alternancias no marcador e unha intensidade digna dunha final.
Ao descanso, os pontevedreses marchaban por diante cun 19-21, pero o Culleredo non baixou os brazos en ningún momento e asinou unha remontada espectacular que levou o partido á prórroga tras un tempo regulamentario de máxima igualdade.
Na primeira metade do tempo extra, os dous equipos volveron empatar, ofrecendo un espectáculo de emoción e garra. Porén, na segunda parte da prórroga o Teucro acusou o cansazo e o BM Culleredo soubo aproveitar a ocasión para poñerse por diante e asegurar a vitoria cun marcador final de 40-38.
Un encontro inesquecible que reafirma o talento e a paixón das novas xeracións do balonmán galego.
3º e 4º posto Infantil Feminino: Mecalia Atl. Guardés – Club Cisne Omma Arquitectura
O Mecalia Atlético Guardés mostrou unha cara moi distinta á da xornada anterior e conseguiu unha vitoria sólida fronte ao Club Cisne Omma Arquitectura, que lle permite facerse co terceiro posto da Final 4 infantil feminina.
As da Guarda lideraron o marcador durante todo o encontro, con vantaxes de entre 4 e 5 goles, grazas a unha mellora clara no seu xogo colectivo e unha maior tranquilidade nos momentos clave. Deixaron atrás os nervios da semifinal e amosaron unha versión moito máis sólida e segura.
Ángela, unha vez máis, foi unha peza clave no rendemento do Guardés, tirando do equipo en momentos decisivos.
Tal e como se esperaba, foi un partido moi disputado, con bo ritmo e moita intensidade, que acabou cun marcador de 28-32 a favor do Guardés, que celebra así un merecido terceiro posto no campionato.
Final Infantil Masculina: BM Línea21 Transgalo – Garaysa Xiria A
O derbi coruñés non defraudou. Dende os primeiros minutos, o BM Línea21 Transgalo amosou a súa superioridade no xogo, obrigando ao Garaysa Xiria A a solicitar tempo morto no minuto 10 cun marcador de 6-8, intentando recompoñer ideas ante a intensidade rival.
A primeira metade estivo marcada pola actuación estelar de Gabriel na portería do Línea21, que se converteu nun muro, e por un Malik imparable tanto en tarefas ofensivas como defensivas, nun constante duelo con Quintín na liña dos seis metros. Ao descanso, o marcador reflectía un axustado 14-16 favorable ao equipo da cidade de A Coruña.
Na segunda metade, o Xiria tratou de recurtar distancias, pero o Línea21 logrou abrir unha fenda de ata 4 goles no minuto 40. Manu e Aitor tiraron do equipo coruñés en ataque, mentres Gonzalo regalaba auténticas xoias en forma de asistencias para manter a esperanza.
Con todo, o Línea 21 Transgalo mantivo a intensidade dende o inicio ata o final, facendo posible o que semellaba complicado: impoñerse ao gran favorito da competición.
Co resultado final de 29-31, o BM Línea21 Transgalo proclámase campión da Final 4 infantil masculina e obtén a súa praza para o sector nacional.
Final Infantil Feminina: Upi Informática Lalín – Tecnosat Bm Cangas
Igualdade máxima dende o inicio na gran final feminina disputada entre o Upi Informática Lalín, equipo anfitrión, e o Tecnosat Bm Cangas. Durante toda a primeira metade, ningún dos dous conxuntos foi quen de separarse no marcador por máis dun tanto, nun partido vibrante tamén nas bancadas, onde as dúas afeccións animaban sen descanso.
Ao descanso, empate a 10 goles que deixaba todo por decidir.
Nada máis comezar a segunda parte, o Cangas asinaba un parcial de 0-3 que obrigaba ao técnico local a solicitar tempo morto para buscar serenidade entre as súas xogadoras. Os primeiros dez minutos do segundo tempo estiveron marcados por moitas imprecisións por parte de ambos equipos, aínda que con maior acerto cara a portería por parte do conxunto do Morrazo, que mantiña unha vantaxe de +4 no marcador.
A falta de 10 minutos, o Lalín tan só levaba 2 goles anotados en toda a segunda metade, mentres Carla, xogadora do Cangas, asumía os galóns liderando o ataque con asistencias e goles, e multiplicándose tamén en tarefas defensivas.
A vantaxe non deixou de medrar ata alcanzar os 10 tantos no tramo final do encontro, certificando así a vitoria para o Tecnosat BM Cangas cun marcador de 16-24.
As xogadoras do Morrazo proclámanse campioas da Final 4 infantil feminina e obteñen a praza para o sector nacional.