A SAR Rodavigo proclámase campioa galega na Final 4 cadete feminina celebrada en Meaño.

Balonmano
Balonmano

A emoción do balonmán cadete trasladouse esta fin de semana ao pavillón Coirón Area, en Meaño, co arranque da Final 4 da categoría cadete feminina. Na primeira semifinal do sábado, o Mecalia Atlético Guardés impúxose con claridade ao Ferretería Molares Carballal Balonmán A cun marcador de 27 a 37.

O encontro comezou cun ritmo moi alto, protagonizado polas boas defensas e intervencións destacadas baixo os paus por parte de ambos equipos. A igualdade mantívose ata o descanso, pero á volta do vestiario foron as rapazas de A Guarda as que deron un paso adiante.

As paradas de Julia e Vera, claves na portería do Mecalia Atlético Guardés, xunto coa intensidade defensiva de Sabela e a dirección ofensiva de Silvia, marcaron o camiño da vitoria para as do Baixo Miño. A presión das guardesas foi apagando ao equipo vigués, que tivo que esgotar os seus tempos mortos sen atopar resposta ao dominio rival.

Con este resultado, o Mecalia Atlético Guardés avanzou á gran final, onde loitou pola última praza galega para os sectores nacionais da categoría cadete feminina.

Na segunda semifinal, gran encontro o vivido entre o equipo anfitrión, Taberna Os Arcos Asmubal Meaño, e a SAR Rodavigo, nun partido marcado pola igualdade e a intensidade desde o primeiro minuto. Ao descanso, a vantaxe era mínima para as de Redondela (11-12), grazas a unha sólida defensa inicial que incomodou ao cadro local.

Na segunda metade, o Taberna Os Arcos Asmubal Meaño conseguiu darlle a volta ao marcador tras un bo inicio e un cambio de dinámica favorecido polos espazos xerados tras a modificación defensiva das rivais. Hai que destacar o gran traballo das porteiras, Carlota e María, baixo os paus.

A pesar do empurre local, a SAR Rodavigo conseguiu impor pouco a pouco o seu xogo mais dinámico e veloz fronte ao ritmo pausado das anfitrioas, levando o partido ao seu terreo e conseguindo o pase á final cun resultado no marcador de 27-29.

3º e 4º POSTO

O partido polo terceiro posto arrancou con máxima igualdade. O Ferretería Molares Carballal Balonmán A amosou unha gran intensidade defensiva nos primeiros minutos, dificultando o xogo ofensivo do equipo anfitrión. Ao descanso, o marcador reflectía a igualdade do choque: 12-11 a favor das viguesas.

Na segunda metade, a pesar das tentativas do Taberna Os Arcos Asmubal Meaño por recortar diferenzas, o Ferretería Molares Carballal Balonmán A mantivo a regularidade e o control do xogo. A porteira Iria, realizou intervencións clave, mentres que Gabriela e Olalla lideraron o ataque, asegurando a vantaxe para o seu equipo.

Finalmente, o equipo vigués impúxose por 27-31, asegurando o terceiro posto desta Final 4 cadete feminina.

FINAL

A final arrincou cun ritmo frenético por parte da SAR Rodavigo, que logrou neutralizar por completo o ataque do Mecalia Atlético Guardés. As redondelás dominaron os primeiros compases do encontro, forzando ao cadro guardés a gastar dous tempos mortos antes do descanso. Aínda así, o Mecalia Atlético Guardés conseguiu recortar lixeiramente a súa desvantaxe nos minutos finais da primeira metade, chegando ao descanso cun resultado de 22-16.

Na segunda parte, o equipo da Guarda encadeou boas accións ofensivas, pero non foi quen de reducir a desvantaxe a menos de tres goles. A SAR Rodavigo mantivo a compostura e o control do encontro grazas a unha sólida defensa liderada por Candela, elixida MVP da final, ao brillante papel de Daniela no ataque e á seguridade de Noa desde os sete metros.

Co resultado final de 35-31, a SAR Rodavigo proclamouse campioa da Final 4 cadete feminina, acadando así a terceira praza galega para o sector nacional.

Con esta vitoria, a SAR Rodavigo únese aos equipos que xa tiñan garantida a súa praza para o sector nacional: o Grupo Lemaco Xiria A, campión galego da categoría, e o Dental Pablo Sieiro BM Cangas, subcampión da Liga Ouro. Ambos conxuntos recibiron nesta Final 4 cadete feminina, o seu trofeo acreditativo por estes postos acadados na liga regular.

Estes tres equipos representarán ao balonmán galego no sector estatal cadete feminino. 

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad