A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou hoxe que a vindeira semana se publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas directas da Xunta para paliar os danos pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). A partir desa publicación, os beneficiarios só terán que presentar unha aceptación da axuda sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación, salientou a titular de Medio Rural.
A conselleira fixo este anuncio durante a súa visita á gandaría Pérez SC de Lalín, que será beneficiaria destas achegas e na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da localidade, José Crespo.
Neste acto, María José Gómez puxo en valor o esforzo orzamentario realizado polo seu departamento para axudar os gandeiros. Así, sinalou que foron, en total, 5,6 millóns de euros que beneficiaron máis de 2.600 explotacións en toda Galicia, entre elas esta de Lalín, remarcou.
Segundo explicou tamén a conselleira, estas achegas cobren diferentes conceptos, como son a axuda complementaria polas mortes de animais a causa da doenza, para tratamentos veterinarios e a correspondente a tratamentos desinsectantes. Engadiu que as axudas tramitáronse tras o final do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, para que puideran optar á achega a maioría das explotacións afectadas no ano 2024.
Nestas axudas, as contías por animal falecido irán dos 400 euros por bovino menor de 4 meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120. Sobre as achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías que se concederán serán de 100 euros por animal afectado, no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación, ata un máximo de 4.000 euros por granxa, nos desinsectantes.
Como conclusión, Gómez trasladou que, con estes importes, Galicia terá as axudas “máis ambiciosas de España” fronte a EHE. Sinalou ademais que, con este tipo de medidas “a Xunta segue traballando coa máxima seriedade e rigor para apoiar os nosos gandeiros”, consciente dos danos que lles causa enfermidades como a EHE e actuando en consecuencia. Por iso, afirmou, “se habilitan axudas con axilidade, suficientemente dotadas e pensadas para que cheguen ao maior número de beneficiarios posible”.