Cristina Pato recibe o XIX Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades

Cristina Pato
Cristina Pato

O xurado do XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, acordou por unanimidade concederlle o galardón deste ano á artista ourensá Cristina Pato Lorenzo, “muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”, segundo expresa a acta da xuntanza que tivo lugar esta mañá nas dependencias da Concellería de Igualdade.

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato comezou a súa formación musical no Conservatorio Municipal de Música de Ourense e aos 6 anos ingresou na Real Banda de Gaitas de Ourense. Aos 18, publicou o seu primeiro disco titulado Tolemia, co que se converteu na primeira muller en gravar un disco en solitario como gaiteira en España. O seu traballo e proxección internacional vén avalada por infinidade de premios. En 2017 recibiu un Grammy xunto á banda Silk Road Ensemble, coa que colabora en Nova York, e nese mesmo ano recibiu a Medalla Castelao.

“A súa traxectoria profesional esténdese máis aló do recoñecemento no mundo da música -subliña a acta do xurado-. Como educadora, desenvolveu o seu propio camiño para facer uso das artes como unha ponte de colaboración entre as Humanidades e as Ciencias en varias institucións académicas en todo o mundo. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro coa Editorial Galaxia. Muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.

O xurado do premio estivo integrado por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade, como presidenta; Stella Estrada Mosquera, da entidade ValoReSC innovation, representante da Comisión de Investigación e Seguimento das Violencias de Xénero; Milagros Sierra Gómez, da Federación Limiar, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, en representación do ámbito social ourensán, e Elena Cid Muñoz funcionaria da Concellería de Igualdade, como secretaria.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad