![Cartelle](https://i0.wp.com/www.diariodegalicia.com/wp-content/uploads/2025/02/Cartelle.jpg?resize=1024%2C586&ssl=1)
Veciños de Cartelle, das comarcas de Celanova e O Ribeiro, e activistas de Ourense concentráronse hoxe na Alameda de Cartelle para protestar contra un macroproxecto híbrido de enerxía eólica e fotovoltaica que supera os 50 MW. Denuncian que o novo plan eólico da Xunta é «unha fraude» que busca esquivar as paralizacións xudiciais dos proxectos.
A mobilización, convocada pola Coordinadora Eólica Así NON dentro dunha protesta a nivel galego, reclamou a suspensión inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e unha moratoria que garanta unha planificación xusta e ordenada do sector. Ademais, criticaron a exclusión das organizacións ecoloxistas e veciñais das mesas de diálogo social, cualificándoa de «censura e represión».
O acto tamén serviu para homenaxear a Miguel Ángel Novoa Martínez, activista medioambiental e fundador do MEL, falecido recentemente. A protesta foi apoiada por múltiples colectivos ecoloxistas e sociais, que esixen unha transición enerxética respectuosa co territorio e coa participación cidadá.