O PSdeG-PSOE de Lobios acusa á alcaldesa do Partido Popular, María del Carmen Yáñez, de «mirar para outro lado» namentres a maleza invade a localidade de Esperanzo, pondo en «grave» risco as propiedades e a vida da veciñanza en caso de producirse un incendio. Os e as socialistas denuncian que hai dúas fincas situadas dentro do perímetro urbano que se atopan convertidas en «selvas» e situadas a carón das casas, pero segundo explican «á alcaldesa, a pesar de ter competencias para proceder á limpeza das mesmas, prefire obviar a situación, nun claro caso de desleixo á veciñanza».
Dende a Agrupación Socialista de Lobios apuntan a que se trata de propiedades privadas, que levan moitos anos «totalmente abandonadas» e nas que puideron comprobar que se atopan ata dous vehículos abandonados, cheos de combustible e totalmente cubertos pola maleza, ademais de silveiras que se achegan ao tendido eléctrico. Tal e como afirman dende o PSOE de Lobios, esta circunstancia foi posta en coñecemento do goberno municipal hai máis de dous anos para que se procedese a dar unha solución a esta problemática medio ambiental, pero tal e como sinalan «a día de hoxe seguen sen limparse estes terreos, nos que as silveiras e a maleza non deixa de crecer, facendo xa contacto incluso coas vivendas situadas a carón destas fincas».
Os e as socialistas explican que trala denuncia presentada no Concello, enviáronse tres cartas certificadas aos actuais propietarios, para que procederan a limpeza destas fincas situadas na zona urbana, pero sen obter ningunha resposta. Ante a ausencia total de iniciativa por parte do goberno municipal do PP e a «irresponsabilidade» da alcaldesa de ignorar un «problema gravísimo», dende o PSdeG-PSOE de Lobios lémbranlle que o artigo 22.3 da Lei 3/2007 de Galicia «especifica que se os propietarios reciben 1 aviso e en 15 días non se procede a limpeza destas fincas, o Concello ten que facelo de forma subsidiaria e pasarlle posteriormente o importe da limpeza ou unha multa aos propietarios».
Para o secretario de organización da nova executiva local do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez González, esta situación «amosa que a alcaldesa desenténdese por completo dos problemas da veciñanza e prefire mirar para outro lado, en lugar de buscar solucións a unha situación que en plena vaga de lumes e coa onda de calor pode provocar importantes danos materiais en caso de incendio». Neste senso, tamén apunta a que «o problema non só é a maleza, senón tamén que os vehículos abandonados se atopan con combustible, o que en caso de incendio tería unhas consecuencias catastróficas e máis se temos en conta que a finca se atopa a carón das casas».
Rodríguez González afirma tamén que «temos claro que a responsabilidade e do Concello e que en caso de que acontecese algunha desgraza, cousa que non queremos, a responsabilidade penal recaería no goberno municipal». O secretario de organización dos socialistas de Lobios tamén pon de manifesto que ademais da denuncia, «tamén hai whatsapps de varios veciños e veciñas pedíndolle á alcaldesa que tome medidas, pero esta pasa de todo e fai falsas promesas de que ao ano seguinte se dará unha solución, pero os anos pasan e o PP non move un dedo».
Dende o PSOE de Lobios tamén critican a «hipocresía» do PP local, xa que tal e como explican «promocionan charlas da Xunta de Galicia en parroquias de alta actividade incendiaria como é o caso de San Paio de Araúxo, a que pertence a aldea de Esperanzo, pero non poñen solucións o aumento da maleza e a falta de desbroces nestas zonas, a pesar de estar situada na zona de influencia dunha reserva da biosfera e Parque Natural Transfronteirizo». Os socialistas tamén apuntan a que situación «está causando graves prexuízos aos veciños e veciñas de Esperanzo, que están vendo como a maleza se mete nas súas casas, provocando incluso unha praga de insectos que se introducen nas vivendas ante a ausencia de limpeza».
«Esixímoslle á alcaldesa que deixe de mirar para outro lado, que non pense en clave electoralista e que se poña a traballar dunha vez por todas polos veciños e veciñas do municipio, que se atopan totalmente abandonados e indefensos ante situacións como estas que poñen en grave risco as súas vidas e as súas propiedades», finaliza Patrick Rodríguez.