
“Se fai dúas semanas presentabamos os indicios da orixe de Santa Clara hoxe, despois dun traballo de varios meses case invisible, anunciamos que atopamos unhas pinturas murais cunhas características artísticas e históricas que as converten en únicas en toda Galicia”, asegurou Rafa Domínguez. O vicepresidente, que compareceu en conferencia de prensa con José Manuel García Iglesias, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Historia da Arte, catedrático e unha das máximas autoridades en pinturas murais de Galicia e de España, asegurou que “imos manter e conservar estas pinturas murais para que as persoas que visiten o novo edificio de Santa Clara gocen destas obras de arte que queremos que sexan visitables”.
García Iglesias explicou que “a finais do século XVI as pestes levaron a que os espazos se branqueasen con cal, rompendo así a historia da pintura mural, cunha tradición moi importante desde os tempos do prerrománico ata o século XVI”. No caso dos achados de Santa Clara, que se remontan aos anos 1570-1580, atopáronse dúas capas de pinturas murais, das que hai unha pequena representación da máis antiga e unha máis ampla da máis moderna, e que destacan porque son “o único caso en Galicia con pinturas murais nun refectorio”. Tamén é salientable unha imaxe dun corazón inscrito nunha aguia, “unha imaxe que soamente vin aquí, que creo que non hai en ningún outro lugar e que remite ao segundo tomo dun libro incunable, de finais do século XV, publicado en Basilea, Suíza, no que se recollían os sermóns de San Agustín, e do que en España se conserva un exemplar no arquivo da catedral de Segovia”. Ademais desta imaxe tamén aparece outra de Cristo entre estrelas, unha de Santa Clara e outro conxunto, de temática vexetal, que parece indicar que nel estaría representado San Francisco.
O experto recordou que estas pinturas murais se chegaron ata os nosos días foi “porque estiveron tapadas. No momento de retirar a cal ou o retablo, as pinturas envellecen e en 20-30 anos escurécense, polo que hai que traballar sobre elas continuamente”. Neste eido felicitou á Deputación de Pontevedra “por ter a sensibilidade e a vontade de traballar para que estas pinturas murais se conserven”.
O proxecto de Santa Clara
“Aínda que non sempre se vexa, seguimos avanzando, sen descanso, no proxecto de rehabilitación de Santa Clara”, subliñou Domínguez quen tamén adiantou que “estamos traballando para retomar as visitas ao Convento, para que a xente veña a coñecer este espazo antes da súa reforma”. Ao respecto, García Iglesias felicitou á Deputación “por esta actuación tan necesaria, esta reconversión de Santa Clara que vai ser moi valente e interesante para a cidade de Pontevedra e para Galicia. Encántame ver a ilusión que hai por parte da Deputación de que este non sexa un edificio, senón que teña xa presente, algo capital para o patrimonio”.