Máis de 300 propostas cidadás para definir os usos do Teatro Fraga

Teatro Fraga
Teatro Fraga

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebraron hoxe a “alta participación e implicación cidadá” para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga, tras ter recibido máis de 300 propostas na caixa de correos virtual, aberta a suxestións desde finais de agosto ata o pasado mes de outubro. 

Segundo anunciou a vicepresidenta provincial, as propostas recibidas a través desta iniciativa virtual, que forma parte da campaña O mellor espazo busca o mellor contido,  “perfilarán un Plan de Usos que estaremos en condicións de presentar nas próximas semanas, para construír un proxecto cultural que chegou para instalarase e permanecer na cidade para sempre e, sobre todo, para poñerse a disposición dos vigueses e viguesas”. 

Propostas que se completaron ademais ao longo destes meses con reunións presenciais por parte da Deputación e a Xunta con representantes dos diferentes axentes culturais, sociais e económicos da cidade. E entre elas destacan as achegas vencelladas ás artes escénicas, ao cinema ou aquelas que poñen o foco en darlle espazo e visibilidade á creación local.

“Sentímonos máis que satisfeitos co enorme interese e as valiosas achegas recibidas”, agradeceron ambos os dous representantes institucionais nun acto, na sede da Deputación en Vigo, con entidades e persoas que participaron neste proceso aberto á cidadanía. Ao respecto, aseguraron que as propostas recibidas serán de “grande utilidade” na recuperación do Teatro Fraga para converterse nun centro cultural  referente para a cidade, Galicia e o norte de España.

Recuperación dun patrimonio cultural

De igual xeito, unha gran parte das suxestións enviadas foron na liña de demandar a recuperación do  Teatro Cine Fraga como parte do patrimonio cultural da cidade, seguidas daquelas centradas en reivindicalo como espazo para paliar un baleiro cultural que consideran existente na actual oferta da cidade. Unha porcentaxe relevante das achegas foron só de agradecemento á Xunta e á Deputación por ter posto en marcha esta iniciativa de participación da cidadanía encamiñada á recuperación dun patrimonio cultural tan imporante como é o Cine Fraga de Vigo.

Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional

A Deputación e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude son coñecedoras da relevancia incuestionable que supón para a cidade de Vigo e tamén para o  tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. A súa recuperación supón dispor dun inmoble con salientables características en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores. Consecuentemente, tanto Vigo como Galicia gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo, apto para desenvolver programacións ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional.

“Deputación e Xunta fixemos unha aposta pola cultura da cidade que non ten precedentes”, asegurou Luisa Sánchez, que lembrou que “recuperar o cine Fraga tras máis de 20 anos pechado é o proxecto cultural máis importante de cantos se están impulsando en Galicia. É, en definitiva, o proxecto cultural que Vigo estaba esperando desde hai moito tempo”.

Compromiso da Deputación de Pontevedra con Vigo

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. O proxecto conta con máis de 7.000 metros cadrados, nos que se prevé aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.

A recuperación do Teatro Fraga é un exemplo máis do compromiso do Goberno da Deputación de Pontevedra coa cidade de Vigo, onde ten xa comprometidos 30 millóns de euros en actuacións como a grada de Gol de Balaídos e diferentes actuacións e proxectos na cidade, como o ascensor de Marqués de Valterra, as ramplas de Pintor Colmeiro, a humanización da rúa calle San Roque ou a reforma dos parques Finca Matías e Nelson Mandela, entre outros.

Pin It on Pinterest

Scroll al inicio
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con sus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos.
Privacidad